jueves, 12 de mayo de 2011

Vermello. Sabas revoltas.

Últimamente, teño a sensación de vivir nunha eterna despedida. Estou farta de adeuses, de últimas veces, de portas que se pechan e que (quizais) o fan para sempre. Estou tan farta -tan cansa-, que ás veces penso que esta etapa xa hai tempo que está rematada, e que o que estou vivindo agora non é máis que un absurdo epílogo que ningún director incluiría na súa película.

Os cambios son así, instantáneos, brutais. E non hai xeito de paralos. Un día ergueste e camiñas distinto, e xa non te sintes cómoda na túa pel. O vento do norte volve soprar, pero en vez de asumilo e facer as maletas como tantas outras veces, prefiro quedarme onde estou e deixar que o frío me conxele o sorriso. Nesta búsqueda de min mesma, non hai ancla nin punto de partida, e o único que merece a pena é espertar entre sabas revoltas e retrasar un minuto máis a miña fuxida cara adiante.

O único que sempre tiven claro é que é mellor marchar antes de que sexa tarde, antes de que as cousas se me vaian das mans. É mellor marchar, pero non quero. Non esta vez. Cometín o erro de volver a un sitio onde fun terrible e dolorosamente feliz, e coido que non vai ser tan fácil deixalo. Teño a oportunidade de empezar de cero e a certeza de que, se algún día dou un paso atrás, nin sequera eu mesma vou ser capaz de recoñecerme.

E xa non valen as páxinas en branco nin as terminais de aeroporto. Non podo seguir facendo malabarismos con trens a ningunha parte e nomes de cidade que non sei pronunciar. Agora mesmo a felicidade antollaseme unha perda de tempo e o único que me consola son os primeiros acordes de Tiny Dancer e as conversas que rozan a madrugada.




No hay comentarios:

Publicar un comentario