Mostrando entradas con la etiqueta Branco.. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Branco.. Mostrar todas las entradas

viernes, 14 de agosto de 2009

Branco. Sabas revoltas.



Nas noites de verán, paréceme máis fácil marcar o teu número. Dous seises, un par de catros e os meus dedos poden seguir sós, como cando baixaban polo teu brazo facéndoche cóxegas. Estaría ben volver a abrazarte e deixar que xogues a enlearme o pelo só para enfadarme contigo e poder perdoarche ó minuto seguinte. Coido que ás veces boto un pouco de menos as túas chamadas de madrugada e os teus discursos incoherentes, como cando prometiches non namorarte nunca de min e confesaches levar demasiado tempo namorado. Esa noite, como tantas outras, só querías escoitar un si, pero cando teño medo non deixo de dicir que non, e os dous sabemos que o compromiso non é o meu forte. Non sei por que, pero nas noites de verán, nas noites como esta, paréceme máis fácil marcar o teu número. Pero aínda non decidín se o que quero dicirche é que volvas ou que xa non te necesito. Así que quizais agarde a que nos atopemos de novo para cravar as miñas unllas na túa espalda e deixarche unha desas marcas profundas que minten como un para sempre. Que perdida de tempo. E que pouco me queda para marchar lonxe e durmir entre unhas sabas desordeadas que non son túas nin son miñas e que están demasiado almidonadas para agochar os bicos que teño gardados por se ves de visita e me pides un si cando só me saia dicir que non. Pero que conste que a culpa é túa porque nunca me deixas rematar as frases e porque eres demasiado tozudo para pararte a ler entre liñas. Coido que eres demasiado todo para min, que te me fas demasiado dificil e que apenas me quedan folgos para seguir loitando cos botóns da túa camisa. Síntoo, pero xa só teño tempo para o papel en branco e para sentarme nunha tumbona de raias vermellas e brancas e vixiar que non se che acerque ninguna desas raiñas destroadas que só queren coroar o teu peito e facerse co teu reino. Non, iso si que non. Por min podes seguir xogando a namoralas e fuxir antes de que esperten, pero non te atrevas a pedirlles cinco minutos máis cando soe o despertador. Non me obrigues a esquecer o teu número, a borrar da miña memoria os catros, os seises, as cóxegas, os abrazos, as sabas revoltas e que sei eu que máis. Iso non. Non, non, non.

viernes, 27 de marzo de 2009

Branco. Escuma.



Coido que a miña patria, cando remate de construila, terá forma de barco de papel. E vai ser tan pequena que a vou poder agochar nunha botella de cristal e levala comigo cada vez que marche lonxe. Así, poderei lanzala ao mar de vez en cando para que me traia noticias de todas as persoas que fun deixando atrás. Tamén quero que teña vocación de estrela e que se acenda cando se faga de noite e non teña forzas para seguir camiñando,. E que ás veces se transforme nunha caracola para achegala á orella cando ninguén me vexa e que me susurre historias que non sucederon nunca, pero que quizais algún día teña tempo de escribir. E entón sucederán.