jueves, 12 de mayo de 2011

Vermello. Sabas revoltas.

Últimamente, teño a sensación de vivir nunha eterna despedida. Estou farta de adeuses, de últimas veces, de portas que se pechan e que (quizais) o fan para sempre. Estou tan farta -tan cansa-, que ás veces penso que esta etapa xa hai tempo que está rematada, e que o que estou vivindo agora non é máis que un absurdo epílogo que ningún director incluiría na súa película.

Os cambios son así, instantáneos, brutais. E non hai xeito de paralos. Un día ergueste e camiñas distinto, e xa non te sintes cómoda na túa pel. O vento do norte volve soprar, pero en vez de asumilo e facer as maletas como tantas outras veces, prefiro quedarme onde estou e deixar que o frío me conxele o sorriso. Nesta búsqueda de min mesma, non hai ancla nin punto de partida, e o único que merece a pena é espertar entre sabas revoltas e retrasar un minuto máis a miña fuxida cara adiante.

O único que sempre tiven claro é que é mellor marchar antes de que sexa tarde, antes de que as cousas se me vaian das mans. É mellor marchar, pero non quero. Non esta vez. Cometín o erro de volver a un sitio onde fun terrible e dolorosamente feliz, e coido que non vai ser tan fácil deixalo. Teño a oportunidade de empezar de cero e a certeza de que, se algún día dou un paso atrás, nin sequera eu mesma vou ser capaz de recoñecerme.

E xa non valen as páxinas en branco nin as terminais de aeroporto. Non podo seguir facendo malabarismos con trens a ningunha parte e nomes de cidade que non sei pronunciar. Agora mesmo a felicidade antollaseme unha perda de tempo e o único que me consola son os primeiros acordes de Tiny Dancer e as conversas que rozan a madrugada.




domingo, 13 de marzo de 2011

Laranxa. Madrugadas.

Cruzarme contigo por casualidade. Mirarte e que me mires. Seguir sorrindo incluso cando ti xa non podes verme. Saber exactamente a que hora vai soar o teléfono. Que me invites a un café. Aprenderme de memoria cada un dos teus xestos. Deixar que me enganes ata que amaneza. Cruzarme contigo por casualidade.

sábado, 12 de febrero de 2011

Amarelo. Polvo de fadas.

Cando tiña quince anos quería ser Kapucinsky, pero coido que o cinismo me gañou a partida. Quería vivir aferrada a unha maleta chea de páxinas en branco, contar lugares e vidas que non tiveran nada que ver comigo. E tardei demasiado en aprender que, aínda que as dúas cousas sexan o mesmo, eu teño vocación de xornalista e non de escritora.

Cando tiña quince anos quería ser novelista, pero non fun capaz de atopar unha historia que ocupase as suficientes páxinas e quedei sen nada que contar. Así que, unha vez esgotada a miña ración de polvo de fadas, tiven que reinventarme a marchas forzadas e creo que, sen darme conta, permitín que o demo levase a miña alma a cambio de nada.

Cando tiña quince anos, escribía para emocionar, para facer pensar, pero supoño que agora só o fago por costume. Encher páxinas converteuse nunha especie de terapia, nun xeito de aliviar o baleiro que me queima por dentro. Cada frase coherente que consigo esbozar é unha bocanada de aire puro, unha excusa para retrasar un minuto máis o punto e final.

Nalgún punto do camiño, decateime de que non son o que era, ou de que o son, pero multiplicado por dez. A miña ollada xa non ten esa forza de quen quere comer o mundo e non sabe por onde empezar, e hai tempo que asumín que ser adulto é estar só, e que é así como se toman as decisións máis difíciles.

E en lugar de ser máis sabia, son máis realista. E en lugar de ser máis forte, son máis resistente. Pásame un pouco como a aquela muller á que lle cantaba Kutxi Romero: xa non me rompo en mil pedazos despois de cada caída, senón que trato de conformarme, de adaptarme. Coma se estivera feita de vimbio.

viernes, 31 de diciembre de 2010

Dourado. Brindis.

"Y así crecí volando, y volé tan deprisa
que hasta mi propia sombra de vista me perdió.
Para borrar mis huellas destrocé mi camisa,
confundí con estrellas las luces de neón..."



O 2010 foi un ano tan intenso coma o mellor dos cafés, tan definitivo coma un punto e final e tan desesperado como a última calada. Foi un ano de contrastes e claroscuros, un capricho impresionista no que unhas veces eran as luces as que agochaban as sombras, e outras todo se volvía negro para, despois, unha mañá calquera, cegarme coa súa claridade e obrigarme a empezar de cero e a reinventarme por enésima vez. Por seguir coas metáforas pictóricas, direi que, dende a perspectiva deste 31 de decembro, os últimos 365 días antollásenme unha acumulación de pinceladas curtas, furiosas, precisas, aleatorias. A súa hiperactividade. O son do seu riso. Os seus dedos entrelazados no meu cabelo. O viva que me facía sentir. As viaxes en tren. As resacas. O derradeiro abrazo. As horas perdidas na terminal de calquera aeroporto. A neve. O whisky. Os descoñecidos. Aquela sensación de invencibilidade. O ministro de Fomento. A partida. O regreso. A familia. As discusións políticas. Compostela. A morriña. As conversas eternas. As noites reversibles. O amor. As decisións difíciles. As festas de disfraces. A súa voz ó outro lado do teléfono. O outono. A volta á casa de madrugada. O vestido vermello. Aquela noite naquel portal. O quente que está a area no mes de agosto. O día que decidimos ser nós mesmos. As mañás de biblioteca. A felicidade absoluta. As longas noites de insomnio. As letras de Sabina. Os paseos pola beira do río Miño. El. Aquela película que nos fixo chorar. As casualidades. As discrepancias. O realismo. Os tacóns de 12 centímetros. Os milleiros de quilómetros que nos separaban. As oportunidades perdidas. Os cuadros de Monet. A milésima de segundo na que comezou todo. As miñas borderías. Os seus arranques de sinceridade. Aquel concerto que me deixou sen voz. Roma. O último cigarro. A fuxida cara adiante. O Xornalismo. As partidas de Risk. O final da primeira parte. A chaqueta de cornos azul. O meu mellor amigo. Os vinteún anos. A nosa Historia Universal. O frío. As luces de Nadal. A soidade. A tortilla de patacas. Elas. A escritura automática. Os goles do Depor. Helena. A infancia. A crema de oruxo. A poesía de Neruda. Os plans de futuro. O máis perfecto dos pretéritos. As claras de limón. A independencia. A paz. As notas de prensa. O medo. A cordura. A dor de cabeza. Os  amigos. O 2010.

martes, 28 de diciembre de 2010

Amarelo. Amencer.

Dende o primeiro día, el soubo que o acompañaría durante o resto do camiño. Ela non o tiña tan claro, pero deixouse levar. Necesitaba encher os baleíros que co tempo se foran creando na sú vida, e pareceulle que aquel home podía ser un bo comezo.

De calquera xeito, a súa historia non foi das sinxelas. Ela necesitaba tempo e a el le faltábanlle minutos para estar xuntos. Querían cousas diferentes e iso estivo a piques de separalos, pero el batallou polos dous ata que ela estivo preparada para sumarse á loita.

Foi unha mañá de xaneiro. Recordou sentíndose soa. Viuse débil, perdida e pequena no espello daquel cuarto que non era o seu. Parecía coma se xa nada tivera sentido, coma se nunca máis fora a poder ser feliz. Tiña ganas de chorar, de berrar, de patalexar, de saír correndo e deixalo todo atrás. 

Pero foi velo ó seu carón -de costas e durmido, pero ó seu carón- e sentirse forte. Como aquelas campesiñas que traballaban na terra de sol a sol e só descansaban para limpar a casa e criar os fillos. Como as costureiras republicanas que iban de vila en vila co peso da máquina sobre a cabeza e o da represión sobre os ombreiros. Forte.

E non é que nunca máis se volvera a derrumbar, que o fixo a miúdo. De vez en cando tiña medo, ou volvía sentirse débil e perdida. E entón rompía a chorar, a berrar, a patalexar. A diferenza era que xa non tiña que facelo soa, coma cando non era forte. Tíñao a el ó seu carón.


viernes, 24 de diciembre de 2010

Laranxa. Posta de sol.

Son as doce da mañá e as pernas pesan un pouco menos despois do teu segundo café. Subes cinco pisos de escaleiras só para asomarte a calquera fiestra e observar aquela rúa onde xogabas cando eras neno e correr en contra do vento era a túa única vocación. Escoitas risas, e por un momento deixas que se misturen co son das ondas batendo contra o empedrado de calquera rúa da zona vella. Fóra chove e a ti o único que che apetece e apoiar a fronte no cristal e seguir tecendo e destecendo a madeixa do presente coas agullas dun pasado cada vez máis próximo.
Son as doce da mañá e as pernas pesan un pouco máis despois do teu segundo café. Baixas cinco pisos de escaleiras só para agocharte en calquera rincón e lembrar aquela habitación onde soñabas cando eras neno e aínda estabas a tempo de ser todo o que te propuxeses. Escoitas un pranto apagado, e por un momento deixas que se confunda coa música daquelas tardes e con esa voz que só se dirixe a ti para recordarche que é demasiado tarde para case todo. Fóra neva e a ti o único que che apetece seguir viaxando cara a atrás, cara a esa terra verde e gris da túa infancia.
Ti non o sabes, pero o que estás a sentir chámase nostalxia e forma parte do carácter de tódolos Ulises modernos que, coma ti, dedican a súa vida adulta a fuxir de Ítaca. Non é, logo, un sentimento, senón máis ben un rasgo identitario dos que cada noite –sempre a soas e sempre coa luz apagada- esquecen por un momento o que son e deciden recuperar o que foron: aquela nena de trenzas douradas, o pichichi da hora do recreo, o neno mimado, a irmá maior… Nostalxia.
Como nostalxia é cando camiñas distraído e o vento do norte che desordea os cabelos o che descoloca a bufanda. Entón ti xiraste bruscamente, buscando o alento dese alguén que marchou hai tempo, nunha tarde de xaneiro da que non queda máis que a páxina arrancada dun vello calendario. E é que a nostalxia é unha dama gris que non sabe sorrir se non é con tristeza, e que sempre semella estar a piques de botar a correr na dirección contraria á dos que camiñan da casa ó traballo e do traballo á casa.
É un pouco como respirar sen que o aire che chegue ós pulmóns. Ou como cando o espello che devolve unha imaxe que hai xa demasiado tempo que non é a túa, por moito que se reflexe nuns ollos que só manteñen o seu brillo a base de loita e insistencia. Nostalxia é dor e é regreso, é querer ser o que xa fuches, vivir o que perdiches e sentir o que esqueciches. É todo iso que te ves obrigado a deixar atrás en cada etapa do camiño, e que só recuperas cando pechas os ollos coa forza suficiente para volver a rir como a primeira vez.
Pero a peor de todas as nostalxias é a de estranar algo que está ó alcance da túa man. É como cando á túa caixa de ceras lle falta o laranxa. Tes o amarelo e o vermello pero as misturas nunca foron o teu e sabes que nunca máis vas poder pintar a posta de sol como a ti che gusta.

sábado, 18 de diciembre de 2010

Vermello. Fume.

Houbo un tempo no que te crias invencible e no que pensabas que nada podía facerche dano. Houbo un tempo no que os problemas se resolvían sós e no que eras tan feliz que che parecía imposible que as cousas puideran chegar a cambiar tanto. Houbo un tempo, certo, pero entón comezou a soar esa canción, e ti decátacheste de que estabas chorando e de que nin sequera sabías por que. Só esperabas que rematara a música e que ninguén se decatase. E encendiches un cigarro, e outro, e outro máis, como se así fora máis fácil respirar. Pero cada calada mancaba coma un puñal, cortaba como un cristal. E, de repente, caiches na conta de que xa non quedaba nada, absolutamente nada, en pé ó teu redor.