miércoles, 30 de diciembre de 2009

Dourado. Burbullas.

Xaneiro foi todo engano e febreiro o noso primeiro enfado de verdade en dous anos. Fomos a Madrid a recuperar a peza que nos faltaba para completar o crebacabezas, pero non lembro que fixemos con marzo. Pasamos moitas –moitísimas- horas na nosa querida caixiña branca e entre guións de radio, almorzos que remataban á hora de xantar, présas de última hora e chistes absurdos fomos capaces de sacar segundo. E suma e segue…

Atrevimonos a soñar nunha noite de San Xoán e coido que, se non fora polas teas brillantes e as árbores de cartón, Shakespeare estaría orgulloso de nós. Pero pasounos o de tódolos anos: cando nos quixemos dar conta xa era xuño e as luces de Nadal levaban tempo apagadas. Ademais, Macerata estaba máis que confirmada e a min cada vez quedábame menos tempo para dicir(lle) adeus e para desfrutar dos mércores de crema de oruxo e as sobremesas eternas nos sillóns de prensa.

Chegou xullo, e a nós tocounos aprender a convivir corenta e oito horas ó día, a ser amas de casa e a traballar de luns a domingo. Pero a cambio escoitamos cantar a Bono con outras 90.000 persoas de música de fondo e pechamos o Playa como cando tiña dezaséis e peregrinaba a Riazor unha fin de semana si e outra non, segundo mandase o calendario da Liga. Da outra praia, da de bikinis de raias e castelos de area, houbo menos que nunca, pero quedou claro que, aínda que sigamos cumprindo anos e sumando kilómetros, conservamos intacta a capacidade de ser –co permiso dos señores Mayor Oreja e Rouco Varela, por suposto- unha familia de verdade. Ou, polo menos, algo que se lle asemella bastante.

Setembro foi -con moito- o mes máis duro do ano e só outubro, os whiskies-laranxa e o caos de Trenitalia foron capaces de amañalo. E iso que na terra dos capuccinos seguiu sendo sempre de noite, igual porque nunca volvemos á casa ata que para de soar a música e porque a mañá seguinte só nos serve para asolagar as lagunas que deixa a penúltima copa e para rir das frases sen sentido e as caídas que en realidade ninguén lembra.

E, polo demais, que sorte ser catro e que mal senta a distancia, como custa empezar de cero pero que fermoso é. Non é o lugar para dar nomes, pero é certo que tropezo sempre coa mesma pedra. E o peor de todo é que me gusta. Case tanto coma que chegue decembro e os abrazos gañen en intensidade, que no Rivendel siga soando Marea e as miñas noites rematen, unha vez máis, entre os únicos brazos nos que non me importa refuxiarme mentres amence.

Resumindo: Macerata, globos verdes e whisky de catro euros; seis alevíns de xornalista e unha galiña gafapasta; Fer, Neira e unha sobredose de Celeiro; páxinas cheas de paráfrases e parénteses innecesarias; noites no malecón da Habana; compañeiro Daniel de vida innumerable; Romeo e Julieta, Titania e Oberón; insuflar, insuflar, insuflar; noite(s) de Trivial e mil millóns de comentarios en fotos; Monica, Carrie, Meredith, Robin, Kitty, Blair e Lorelai; el amor no es lo que piensas; Pepiño, babas de Gandalf e que fermoso está Lugo cando é Nadal e o frío me entumece as mans e me enroxece o nariz. Tes razón, o 2008 foi mellor. Pero o 2009 deixame moitas caídas, algún que outro golpe e varias leccións das que non se esquecen. E dame exactamente igual ser ou non feliz para sempre. Eu o que quero é selo agora, neste preciso momento. Feliz 2010.

1 comentario:

  1. Feliz 2010, ha sido un año muy grande, sin lugar a dudas
    (.....)

    ResponderEliminar