domingo, 31 de mayo de 2009

Marrón. Chocolate.


O tempo pasa máis rápido dende que te decatas de que tes que marchar. De que en menos de seis meses vivirás noutra cidade, noutro país, e de que vas estar incriblemente soa. Os sorrisos que agora te acollen cada mañá non serán máis que lembranzas dos que deixaches atrás, e cada vez que penses nesa Compostela de rúas empedradas notarás que che tembla a barbilla e que estás a piques de botarte a chorar outra vez.

Ti, que tanto presumes de ser forte e independente, levas meses facendo equilibrios sobre unha corda que cada vez está máis preto de romperse, e o peor de todo é que estás desexando que o faga dunha vez, porque iso non pode ser peor que seguir como ata agora.

Non deixas de pensar en todo o que queres facer antes de marchar, no que dirás en cada despedida e en todo o que terás que deixar atrás por falta de espazo na maleta. Non deixas de pensar no moito que vas necesitar ese abrazo, esa ollada, ese aceno cando estés a un tren e dous avións da casa.

Repíteste constantemente a ti mesma que non é o momento para marchar, que che quedan demasiadas cousas que facer aquí e que os necesitas demasiado como para vivir un ano enteiro sen eles. Pero sabes que cando chegue setembro o teu mundo se vai chamar Macerata, e que, a pesar de todo, vas ser feliz alí.

No hay comentarios:

Publicar un comentario