domingo, 23 de agosto de 2009

Granate. Risk.

Unha vez, estiven a piques de atopalo. Coñecín a un home que entendía que me gusta desfrutar en silencio do café e o xornal e que non se empeñaba en cruzar a liña que divide a miña metade da cama do resto do mundo só para abrazarme coma se fora marchar a algunha parte mentres el durmía. Parece que se decatou de que non me gusta decepcionar a ninguén, e que se intentan amarrarme sinto a necesidade inmediata de fuxir lonxe. E non teño por costume volver atrás.
En fin, o importante é que creo que el era ese home, ou que ese home era el, non teño moi claro se vai primeiro o ovo ou a galiña. O caso é que lle gustaban os xeados de fresa e de vez en cando non lle importaba que o cambiase pola voz de Kutxi Romero ou que quedara durmida coa súa ó outro lado do teléfono. Atopeino e era perfecto, pero non estaba eu para esas cousas, así que decidín fuxir antes de que intentara amarrarme.
O fallo é que esquecín dicirlle que non quería marchar, que só o estaba poñendo a proba, e para cando regresei el xa non estaba. Xa ninguén me miraba por riba do xornal e compartía comigo domingos de sofá e xeado de fresa. Marchei, voltei, marchou e non volveu. E isa é a nosa historia.
Si. Coido que esa vez estiven a piques de atopalo. Aínda hoxe penso que se volvemos a cruzarnos poida que non me importe demasiado que de vez en cando se atreva a invadir o meu lado da cama. Ata podo facer como que non sei xogar ó Risk só para que el me volva aprender e se enfade cando lle gañe cinco partidas seguidas.
Pero el era un pouco coma min, así que non creo que volva. Seguramente o lóxico é que eu saia a buscalo, que berre o seu nome letra por letra ata quedar sen voz coma naquelas noites de xoves eternas que remataban coa miña metade da súa cama invadida. Coma no Risk, exacto.

No hay comentarios:

Publicar un comentario