domingo, 31 de mayo de 2009

Marrón. Chocolate.


O tempo pasa máis rápido dende que te decatas de que tes que marchar. De que en menos de seis meses vivirás noutra cidade, noutro país, e de que vas estar incriblemente soa. Os sorrisos que agora te acollen cada mañá non serán máis que lembranzas dos que deixaches atrás, e cada vez que penses nesa Compostela de rúas empedradas notarás que che tembla a barbilla e que estás a piques de botarte a chorar outra vez.

Ti, que tanto presumes de ser forte e independente, levas meses facendo equilibrios sobre unha corda que cada vez está máis preto de romperse, e o peor de todo é que estás desexando que o faga dunha vez, porque iso non pode ser peor que seguir como ata agora.

Non deixas de pensar en todo o que queres facer antes de marchar, no que dirás en cada despedida e en todo o que terás que deixar atrás por falta de espazo na maleta. Non deixas de pensar no moito que vas necesitar ese abrazo, esa ollada, ese aceno cando estés a un tren e dous avións da casa.

Repíteste constantemente a ti mesma que non é o momento para marchar, que che quedan demasiadas cousas que facer aquí e que os necesitas demasiado como para vivir un ano enteiro sen eles. Pero sabes que cando chegue setembro o teu mundo se vai chamar Macerata, e que, a pesar de todo, vas ser feliz alí.

domingo, 3 de mayo de 2009

Azul. Ceo.

Pedirche que marches é o meu xeito de dicirche que quero que quedes aquí, comigo, para sempre. Poida que non teña ningún sentido, pero supoño que todo se complica cando é domingo e soa esa vella canción de Bob Dylan.

Case sempre estou preparada, pero ás veces aínda me sorprendo a min mesma marcando o teu número, aínda que os dous saibamos que vou colgar antes do primeiro pitido, Por orgullo. Ou por medo, quen sabe... O que me salva é que mañá será luns outra vez, e cando a canción remate terei que sorrir de novo para que ninguén saiba que foi domingo.

É como cando che dan unha noticia tan importante que non sabes se romper a chorar ou saltar de alegría, e optas por rir a gargalladas para que todos vexan o feliz que eres e deixen de mirarte coma se foses un bicho raro. Pero en realidade sénteste terriblemente estúpida por non ter dito que ti o único que querías era que non cambiase nada e que todo seguise como estaba.

Teño que recoñecer que cada vez que esperto e é domingo sinto a necesidade de volver a ter quince anos, simplemente porque daquela aínda non te coñecía e non tiña que botarte de menos. Pero, xa ves, estou a piques de cumprir os vinte e cada vez a semana ten máis domingos. Súmalle a iso que seguramente ti non existas, e que aínda que así sexa eu nunca te vou atopar, e entenderás como me fai sentir esa vella canción.

Pero, en realidade, non debería queixarme. A meirande parte do tempo son incriblemente feliz. Sei cousas que antes non sabía, e xa só te necesito un día de cada sete, cando Bob se empeña en seguir susurrándome ao oído. O resto do tempo téñoo a el, que non é o que eu quería, nin sequera o que eu buscaba, pero que fai tan ben o seu papel coma eu o meu. E o espectáculo debe continuar. Ou non.

domingo, 12 de abril de 2009

Amarelo. Vida.

"Tus ojos abiertos son como tu historia:
van solos contando mil cosas de ti.
Los veo cual si viera la esfera de un brujo,
les veo paises y escenas de amor..."



Ás veces dame medo parecerme a esa Paula á que lle canta Silvio Rodríguez. Dame medo que os meus ollos me delaten, que falen de todas as bágoas que viron caer, de todas as veces que tiveron que pecharse para non seguir vendo, para non seguir sufrindo.

Ogallá puidera controlalos e facer que só che contaran que cada vez paso máis tempo mirando cara ao horizonte e pensando onde estarei dentro de seis meses, dun ano, de dous. Quero que che falen de todos os lugares que lles quedan por visitar e dos que xa viron.

Se os miras fixamente, seguro que che contan que cando se enfadan brillan con todas as súas forzas e que cando rin se poñen un pouco amarelos. Se os miras fixamente, seguro que te decatas de que non son tan forte, nin tan valente, e de que a maior parte do tempo deixaríao todo atrás se alguén se ofrecera a percorrer comigo unha parte do camiño.

domingo, 29 de marzo de 2009

Vermello. Sangue.


Tes toda a razón. Xa non queda nada daquela nena miúda que vivía agarrada a unha barra de ballet e soñaba con ser escritora. Pasaron os anos, xa case vinte, e agora o único que queda é unha rapaza asustada que está cansa de sorrir ao público ao final de cada actuación. Son máis vella e seguramente algo máis lista que a última vez, pero estou moi lonxe de ser máis forte. Xa ves, poida que co tempo aprendera a caer, pero non acabo de pillarlle o truquiño a iso de levantarme unha e outra vez. Debo recoñecer que ás veces aínda boto de menos as tarde de domingo desa outra vida na que os dous eramos felices. Deberíamos sentarnos outra vez diante dunha taza de café para decidir en que momento nos fixemos adultos e decidimos que dicir adeus a cada paso era unha forma de vida razoable. Pero non temos tempo para iso e, ademais, coido que me convertín nunha desas persoas que non miran nunca cara a atrás, que fuxen do que lles fixo dano e se afastan do que saben que pode chegar a facérllelo. Aquí me tes, non me importa sacrificar presente con tal de non hipotecar o futuro, con tal de non ter que darlle explicacións a ninguén. E todo para poder seguir crendo que son libre, aínda que no fondo saiba que esa clase de liberdade pola que loito é unha estupidez, e que o único que necesito e que me abracen forte e me digan que todo todo todo vai estar ben. Pero para iso tería que recoñecer que cando digo ti estou pensando nel, e que sei de sobra que teño diante dos ollos o que me empeño en buscar a centos de kilómetros. En fin, ambos sabemos que en realidade nunca vou marcar o teu, o seu, número para dicir que case nunca teño razón e que o fago mal case todo. Sobre todo ultimamente. O máis probable é que me limite a baixar a cabeza cada vez que nos crucemos e que marche moi lonxe, quizais a outro país, a buscarte. A buscalo.

viernes, 27 de marzo de 2009

Branco. Escuma.



Coido que a miña patria, cando remate de construila, terá forma de barco de papel. E vai ser tan pequena que a vou poder agochar nunha botella de cristal e levala comigo cada vez que marche lonxe. Así, poderei lanzala ao mar de vez en cando para que me traia noticias de todas as persoas que fun deixando atrás. Tamén quero que teña vocación de estrela e que se acenda cando se faga de noite e non teña forzas para seguir camiñando,. E que ás veces se transforme nunha caracola para achegala á orella cando ninguén me vexa e que me susurre historias que non sucederon nunca, pero que quizais algún día teña tempo de escribir. E entón sucederán.

jueves, 26 de marzo de 2009

Laranxa. Amargo


Branco sobre branco. Silencio. Os primeiros raios de sol desdibuxan a escuridade a través dos ocos da persiana. Ollos abertos. Dous ollos abertos. Soidade. Pés descalzos. Cama desfeita. Dor de cabeza e zapatilas. Domingo. Café. Torradas. Café, torradas, silencio e ocos de persiana.

Negro sobre blanco. Xornal. Dúas culleradas de azucre. Amargo. Outras dúas culleradas de azucre. Aspirina e zume de laranxa. Xornal. Política, deportes, economía. Crucigrama. Catro letras. Dor. Non. Amor. Café. Amargo. Noite anterior. Angustia. Soidade. Mantequilla e mermelada. Laranxa. Amarga. Crucigrama. Catro letras. Medo. Si. Medo.

Negro sobre negro. Ausencia. Cama desfeita. Ducha. Vapor. Domingo. Xornal. Crucigrama. Rúa. Respirar. Afogar. Camiñar. Acenos. Saúdos. Dor de cabeza. Gafas de sol. Mans nos bolsillos. Chuvia, paraugas. Rua. A súa rúa. Repirar. Afogar. 17. 2ºC. Sube.

Branco sobre negro. 2º. C. Porta entreaberta. Penumbra. Agardábate. Café. Doce. Desculpas. Tabaco. Cinceiro, colillas. Palabras. Silencios. Olladas. Mans entrelazadas. Beizos, olladas. Os primeiros raios de sol desdibuxan a escuridade a través dos ocos da persiana.

miércoles, 25 de marzo de 2009

Gris. Mar.


Onte pensei en escribirche só para contarche que aquí o mar, cando se enfada, ten a cor dos teus ollos. Pero entón lembrei que xa non téño dereito a escribirche, que xa non podo contarche nada. Nin sequera que aquí o mar, cando comezan a acenderse as farolas do paseo, xoga a facerlle cóxegas á praia case vacía para facerlle esquecer o gris que se pon cando se enfada.